26
Abril
RELOXO MECÁNICO
O CONCELLO DE VIVEIRO AGRADECE O LABOR DE INVESTIGACIÓN E DIVULGACIÓN REALIZADO POR CARLOS NUEVO CAL SOBRE O ANTIGO RELOXO MECÁNICO
Viveiro, 25 de abril de 2023. O Concello de Viveiro amosa a súa profunda gratitude polo traballo de investigación que levou a cabo Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro, sobre a reloxería na vila e sobre o reloxo mecánico municipal situado no Conxunto Histórico Artístico da Praza de Santa María, que foi recentemente restaurado.
O historiador recolle no seu blog (https://viveirocronista.blogspot.com/2023/04/maquinaria-despois-de-ser-restaurada.html) a importancia da reloxería en Viveiro, diferencia entre o primeiro reloxo mecánico (1534-1860) e o actual, e contextualiza a súa chegada como reflexo “da grande importancia militar e comercial da vila naqueles tempos, que estaba considerada como unha das chaves e gardas principais de Galicia”.
Carlos Novo Cal insiste en que, aínda que se descoñece cando e onde se inventou o primeiro reloxo mecánico europeo, a “primeira referencia coñecida da existencia do reloxo mecánico en Viveiro é do ano 1534, cando o Concello acordou mandar fabricar unha campá para o reloxo público que fose de maior tamaño que a primitiva”.
Nun texto imprescindible para coñecer a historia de Viveiro, Carlos Nuevo Cal enumera tamén aos coidadores do reloxo ao longo dos séculos, o seu cambio polo reloxo actual en 1861 cando “colapsou” tras máis de 326 anos de servizo, e como a súa reposición veu da man da modernización de Viveiro en outros eidos como a chegada do Telégrafo, a construción da estrada Viveiro a Lugo, a ampliación do alumeado público, ou a remodelación urbana e o empedrado de rúas e prazas.
No seu escrito, Carlos Nuevo Cal destaca o feito de que “Viveiro ten o mérito ben merecido de contar actualmente cun reloxo mecánico que cumprirá nuns días 162 anos” e aplaude que “grazas á decisión do Concello e á mestría e bo facer da empresa viveirense Lages Relojería Monumental, podemos recrearnos con este excepcional reloxo municipal totalmente restaurado e posto a punto”.
O Concello de Viveiro informaba precisamente hai uns días do remate das obras de restauración que incluíu agullas, minutarías e a transmisión de dúas esferas exteriores, así como da restauración xeral da antiga máquina do reloxo xunto ao habitáculo onde estaba instalado.
O reloxo foi montado provisionalmente para poder ser visitado, antes ou despois da misa que se oficia os martes, xoves e sábados, ás 19:30 horas, así como os domingos, ás 11:00 horas.
“Viveiro conta cun enorme patrimonio histórico que merece ser coñecido e desfrutado por toda a veciñanza e os nosos visitantes. Dende o Concello o noso obxectivo é coidalo e poñelo en valor, así o estamos a facer, e ir da man de expertos como Carlos neste labor é un auténtico privilexio”, indica a alcaldesa María Loureiro.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro