15
Xullo
RESURRECTION FEST 2016
Tras a finalización da undécima edición do Resurrection Fest, toca facer balance e agradecer publicamente a todos aqueles que fixeron posible que este gran evento fose un éxito rotundo; cumpríronse todas as expectativas e, unha vez máis, o nome de Viveiro acadou unha proxección internacional.
Por todo isto, cómpre agradecer á organización do Resurrection Fest polo enorme traballo realizado, mellorando en cada edición os seus servizos e infraestruturas e traendo ata Viveiro as mellores bandas de metal, punk e harcore, que con actuacións únicas e inigualables fan do noso municipio un referente mundial; se a isto se engade a repercusión económica do festival neste municipio e a promoción que dende o punto de vista do turismo supón para Viveiro, é fácil comprender que o Resurrection Fest forma parte da nosa historia e que Viveiro se volque con este festival.
Na mesma liña, cómpre agradecer a todos os corpos, forzas e servizos de seguridade, protección e emerxencias – Policía Nacional, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Garda Civil do Mar, Policía Portuaria, Bombeiros, Axencia Galega de Emerxencias, Policía Local e Protección Civil-, pois traballaron intensamente e totalmente coordinados para garantir a seguridade de veciños e visitantes, poñendo en práctica as medidas e plans acordados nas diversas reunións realizadas dende o propio concello con todas as partes implicadas, convencidos da necesidade de extremar as precaucións nun evento desta relevancia que, durante uns días, conseguiu quintuplicar a poboacion habitual de Viveiro.
Do mesmo xeito, teño que dar as grazas a todo o persoal municipal que antes, durante e despois do festival traballou arreo para o seu correcto desenvolvemento, destacando a importante colaboración que o concello realiza, entre outros, mediante a achega de recursos humanos e materiais.
Finalmente, quero dar as grazas a todos os veciños de Viveiro, por que eles son, sen lugar a dúbidas, unha peza importante do Resurrection Fest. Considero que a hospitalidade, cordialidade e amabilidade dos viveirenses e a ubicación do festival nun marco inigualable, un lugar con numerosos recursos turísticos (praias, natureza, patrimonio histórico, gastronomía...), pequeno e acolledor como é Viveiro, son parte do seu éxito. Así, por todo isto e pola paciencia e comprensión dos veciños polas molestias que este evento acarrea con respecto á nosa cotidianidade, grazas.
Péchase, deste modo, unha nova edición do Resurrection Fest e quedamos á espera das novas que pouco a pouco vaia facilitando a organización para o vindeiro ano.