Reunion ASPANANE

REUNION ASPANANE

Proxecto para crear en Viveiro unha residencia para persoas con discapacidade intelectual

Dª. María Loureiro García, Alcaldesa do Concello de Viveiro, INFORMA QUE:

No día de hoxe vai ter lugar a reunión convocada por esta Alcaldía co obxectivo de explicar aos voceiros dos grupos municipais, xunto coa directiva da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (ASPANANE), o proxecto para crear en Viveiro unha residencia para persoas con discapacidade intelectual, co fin de buscar o seu apoio e compromiso para levar a cabo as xestións necesarias.

Nos últimos meses esta Alcaldía mantivo diversas reunións con Aspanane para tratar este asunto e buscar a maneira de poder levalo a cabo. Por ambas partes considérase que o lugar máis adecuado para este servizo de residencia sería a parte superior do Centro do Día, onde actualmente está ubicada a Escola Oficial de Idiomas.

Considérase que este é o lugar máis axeitado por que suporía unha reducción importante dos custes e unha optimización dos recursos públicos ao tratarse dunha ampliación de servizos, tendo en conta que o Centro de Día (situado na planta baixa) dispón na actualidade de parte das infraestruturas necesarias para poñer en marcha o servizo residencial: cociña, comedor, salas de ocio, calefacción, luz, auga, ascensor, despachos e baños comúns.

Para poder levar a cabo este proxecto sería necesaria buscar unha nova ubicación para a Escola Oficial de Idiomas, non existindo ningún outro inmoble de titularidade municipal ao que se poida transladar este importante servizo.

Na reunión mantida no día de hoxe, explicaránselles estas circunstancias aos voceiros dos grupos municipais co fin de conseguir a súa aprobación e apoio a este proxecto, que consideramos fundamental, tendo en conta, entre outras cuestións, que na Mariña Lucense non existe ningunha residencia deste tipo e que, en caso de urxencia/emerxencia de praza residencial, un usuario non disporía de praza nas provincias de Lugo e A Coruña, téndose que desprazar ás provincias de Pontevedra ou Ourense.

Na reunión valoráranse distintas posibilidades, como, por exemplo, reubicar a Escola Oficial de Idiomas nalgún dos centros educativos existentes no municipio ou solicitar á Xunta de Galicia a financiación necesaria para crear o espazo adecuado para a súa reubicación.

Viveiro, 10 de novembro de 2017.

A alcaldesa

María Loureiro García

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar