21
Febreiro
REUNIÓN CON AUGAS DE GALICIA
O CONCELLO DE VIVEIRO MANTÉN UNHA REUNIÓN CON AUGAS DE GALICIA PARA CONCRETAR CUESTIÓNS DO PROXECTO PARA REDUCIR O RISCO DE INUNDACIÓNS EN XUNQUEIRA
Viveiro, 18 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro informa que hoxe tivo lugar, na casa do concello, unha reunión de traballo en relación co proxecto que se está a elaborar para executar as actuacións que contribúan a minimizar o risco de inundacións en Xunqueira.
Nesta xuntanza estiveron presentes a alcaldesa, María Loureiro, e o 1º tenente de alcalde do Concello de Viveiro, Jesús Fernandez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, técnicos municipais, o xefe de proxectos de Augas de Galicia e técnicos da empresa redactora do proxecto referido.
Cómpre destacar que na reunión se acordou modificar o proxecto previsto inicialmente, incluíndo as modificacións propostas polo Concello de Viveiro en beneficio dos veciños e veciñas do barrio de Xunqueira. A redacción deste proxecto atópase en fase final e a previsión é que a finais de marzo xa poida estar finalizado para sacar a concurso a súa execución.
Tamén se valorou a posibilidade de incluír neste proxecto todas as actuacións incluídas no “Plan Específico de Xestión de Risco de Inundación do Rego Fontecova” co obxectivo de presentar unha candidatura e optar aos fondos da Fundación Biovidersidade. Deste xeito, tamén se incluirían actuacións que quedaban inicialmente fóra do proxecto inicial, como poden ser as previstas para a zona da Carreira.
Dende o Concello de Viveiro valórase moi positivamente esta xuntanza, que supón un paso moi importante con respecto á xestión do risco de inundacións en Xunqueira.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro