17
Marzo
RÚA ROSALÍA DE CASTRO
O CONCELLO DE VIVEIRO ACTÚA DE OFICIO NUN EDIFICIO EN MAL ESTADO NA RÚA ROSALÍA DE CASTRO PARA GARANTIR A SEGURIDADE E SALUBRIDADE, XA QUE NON FOI POSIBLE LOCALIAR AO PROPIETARIO
Viveiro, 17 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro está traballando na actuación subsidiaria do edificio sito na Rúa Rosalía de Castro, número 16, debido a que esta vivenda se atopaba en mal estado e que se tiña incoado expediente de orde de execución, no que non foi posible localizar ao propietario.
Tras diversos intentos de notificación e seguindo o procedemento establecido, en aras a manter a edificación en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, o Concello de Viveiro realizou os trámites necesarios para a realización de oficio das obras consistentes na retirada de galerías na fachada posterior; limpeza de cuberta; colocación de rede en cuberta para evitar a caída de elementos ao vial público; colocación de canlos e baixantes; consolidación de cornixa, debido á caída de pedras, e pechamento de ocos en fachada mediante taboleiros pintados.
A día de hoxe xa están rematadas as actuacións levadas a cabo para a retirada de todos os elementos da fachada, retirando a andamiaxe colocada para este fin e quedando o patio interior totalmente limpo. Nos vindeiros días, realizarase a limpeza da cuberta, a colocación de canlos e baixantes, o peche dos ocos de fachada e o arranxo da cornixa.
Dende o goberno municipal quérese agradecer aos propietarios dos inmobles colindantes pola súa colaboración, permitindo o acceso a esta edificación a través das súas vivendas.
Por outra banda, quérese lembrar que en decembro de 2020 se ditou un Bando no que se recordaba a todos os propietarios de vivendas no casco histórico de Viveiro da obrigatoriedade de realizar as limpezas de cubertas e canlos; limpeza de vexetacion; eliminación de elementos que poidan ser susceptibles de caída á vía pública; pechado de ocos en fachada sen carpintería por medio de taboleiros pintados en negro mate; eliminación de rótulos, así como publicidade relativa a locais comerciais que actualmente non teñen uso; substitución de canlos e baixantes en mal estado; pintado de fachadas de baixos comerciais; limpeza de plantas baixas de inmobles e eliminación de instalacións de subministro sen uso.
No bando referido estableceuse un prazo de un mes para a realización das actuacións referidas, polo que, tendo en conta o tempo transcorrido e que o continúan existindo dentro do casco numerosas vivendas que presentan deficiencias, por parte do Concello de Viveiro comezaranse a tramitar as correspondentes ordes de execución.
Finalmente, infórmase que dende o Concello de Viveiro xa se contactou verbalmente co Instituto Galego de Vivenda e Solo e que, no caso de non actuar, vaise requirir novamente para que se tramite coa maior celeridade posible a rehabilitación da edificación situada en Rosalía de Castro, 22, un inmoble que pertence ao IGVS e que se vai destinar a vivendas. Este asunto xa fora tratado na reunión que a Alcaldesa mantivo co Xefe Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, na que lle informou da necesidade de rehabilitar esa edificación.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro