28
Abril
RUTAS POLO ROMÁNICO
O CONCELLO DE VIVEIRO ACOLLE O DÍA 14 DE MAIO UNHA DAS TRES RUTAS POLO ROMÁNICO QUE PROMOCIONA A DEPUTACIÓN
Viveiro, 27 de abril de 2023. O Concello de Viveiro forma parte do programa ‘Rutas polo Románico da Provincia de Lugo’ que organiza a Deputación. Por terceiro ano, esta iniciativa programa actividades gratuítas con motivo do Día da Transrománica que se celebra o día 9 de maio.
Viveiro está incluída na ruta guiada do domingo 14 de maio que comeza a 10:30 horas percorrendo o románico de Sober, visitando ás 11:00 horas Santa María de Meira e ás 16:30 horas o románico do Lugo rural e Guntín. Dende as 17:00 horas a visita centrarase nos tempos dourados de Afonso IX e nos vestixios medievais do Reino de Galicia que aínda conserva a vila.
Cada un dos itinerarios do programa conta cun máximo de 25 prazas.
“Con estas iniciativas estamos a por en valor o noso rico patrimonio cultural e artístico, e demostramos que Viveiro é un exemplo á hora de conservar e coidar o noso legado histórico ”, subliña a alcaldesa de Viveiro María Loureiro.
As inscricións poderán facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org dende este mesmo venres, 28 de abril, ata completar o aforo.
Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org
A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo.
A Ruta está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas.
Saúdos, Comunicación Concello de Viveiro