Sala de garda no xulgado

SALA DE GARDA NO XULGADO

O CONCELLO DE VIVEIRO APROBA POR UNANIMIDADE UNHA MOCIÓN NO PLENO PARA ESIXIR A POSTA EN MARCHA INMEDIATA DUN SALA DE AGARDA NO XULGADO PARA AS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Viveiro, 2 de decembro. O pleno ordinario do Concello de Viveiro aprobou por unanimidade unha moción presentada por todos os grupos da corporación para esixir a posta en marcha de manera inmediata da sala de agarda das vitimas de violencia de xénero do xulgado de Viveiro.

 

Esta moción foi presentada de forma conxunta por todos os grupos políticos, segundo o acordado na Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero que tivo lugar o pasado venres, formada por representantes das forzas e corpos de seguridade (Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil), dos centros educativos, do Centro de Saúde, da Oficina de Emprego, do Xulgado, dos grupos políticos municipais, por diversos departamentos municipais (servizos sociais, oficina de inmigración e CIM), da Subdelegación do Goberno e pola concelleira de Muller, Lara Fernández, estando presidida pola alcaldesa, María Loureiro.

 

Nesta mesa, no punto da orde do día correspondente a rogos e preguntas, os representantes dos Xulgados de Viveiro presentaron á Mesa un rogo co seguinte contido:

"D. Marco López López e D. David Díaz Garrote, membros da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero en representación dos Xulgados de Viveiro, presentan o ROGO que segue:

·        O pasado 12/04/2019 acordouse pola Mesa Local de Viveiro solicitar á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia a habilitación dun espazo digno como sala de espera para as mulleres maltratadas que comparecen nos órganos xudiciais viveirenses (xúntanse os documentos 1 e 2).

·        Por nota de prensa oficial de 29/05/2019, o Vicepresidente da Xunta D. Alfonso Rueda anunciou que "nos vindeiros meses estará acondicionada unha sala de agarda para as vítimas" (xúntase como documento 3).

·        Mediante outra nota de prensa oficial de 23/11/2019, o Sr. Rueda declaraba que "actualmente estase traballando na sala de agarda do xulgado de Viveiro" (xúntase como documento 4).

·        En contra do manifestado polo Vicepresidente da Xunta aos medios de comunicación, nestes últimos dezaoito meses non se acondicionou espazo ningún para as vítimas na sede xudicial viveirense.

Por todo isto, ao abeiro do mandato de "dinamización das Mesas Locais", presentamos este ROGO para o debido coñecemento das persoas representantes das diferentes entidades que forman parte da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Viveiro, así como das autoridades que presidiron a súa constitución o día 08/10/2018: a Alcaldesa do Concello de Viveiro Dna. María Loureiro García, a Subdelegada do Goberno de España en Lugo Dna. Isabel Rodríguez López e a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia Dna. Susana López Abella.

Así mesmo, pedimos formalmente que se solicite ao Vicepresidente da Xunta D. Alfonso Rueda Valenzuela que aclare as expresións "nos vindeiros meses" e "estase traballando na sala de agarda do xulgado de Viveiro" a fin de que concrete cando comezarán as obras da sala de espera, debido a que leva transcurrido un ano e medio desde o seu anuncio sen que as vítimas atendidas nos Xulgados de Viveiro poidan agardar nun local cun mínimo de dignidade.

 

Viveiro, 27 de novembro de 2020.

Asdo.: Marco López López

Asdo.: David Díaz Garrote"

 

 

 

Tal e como se explicou na Mesa Local do pasado 27 de novembro pola alcaldesa, o Concello de Viveiro remitiu á Dirección Xeral de Xustiza en abril de 2019 un escrito explicando que no pleno de 27 de febreiro de 2012 se acordara realizar os trámites necesarios para ceder unha serie de locais de titularidade municipal ao Xulgado de Viveiro, coa finalidade de poder ampliar e mellorar as súas instalacións, instando a que esta cesión de formalizase á maior brevidade posible.

 

A resposta que recibiron desde a consellería de Xustiza era que ata o momento non se fixera nada polo feito de que non estaba consolidada a cesión do edificio contiguo ao Xulgado por parte do Concello de Viveiro, responsabilizando ao propio Concello da dilación na tramitación do procedemento.

 

Actualmente esa cesión xa está materializada desde o verán de 2019 e, en posteriores reunións desde a Consellería de Xustiza afirmouse que as obras comenzarían a finais de ano.

 

Por parte de D. Marco López López puntualizouse que efectivamente se fixeron obras no edificio contiguo ao Xulgado, cedido polo concello de Viveiro, que remataron fai pouco, pero que ditas obras pertencen á ubicación do arquivo do Xulgado nª2, competente en materia de violencia de xénero, no que se realizou xa a dixitalización da busca dos expedientes.

 

Tamén puntualizou que o arquivo do Xulgado nº 1 non vai para esa mesma ubicación xa que aínda non se iniciou ningún trámite para dixitalizar a busca dos expedientes físicos. Tendo en conta que por parte do mesmo tamén se fai constar que non se iniciou ningunha obra para acondicionar unha Sala de Agarda para as vítimas de violencia de xénero, tema solicitado reiteradamente.

 

Tendo en conta que tamén se solicitou que a Sede xudicial de Viveiro se teña en consideración como un todo e non como un Xulgado ou outro, xa que traballan de maneira coordinada, manifestando que no momento en que se traslade o arquivo do Xulgado nº 2 ás dependencias habilitadas no edificio contiguo, as dependencias que queden libres poderían ser acondicionadas como Sala de Agarda pero que a día de hoxe non se iniciou ningunha obra que se tiña prometido estaría lista a finais do ano 2019. Por todo isto reiteraron o recordatorio e solicitude do inicio de ditas obras de acondicionamento da Sala de Agarda para vitimas de violencia.

 

En relación con este rogo e en virtude do exposto, por parte dos representantes de dos grupos políticos presentes na mesa, acordouse presentar unha moción conxunta e urxente no pleno que tivo lugar no día onte, para dar traslado do rogo referido, propoñendo a adopción do seguinte acordo:

 

PRIMEIRO: Remitir unha copia do rogo presentado por D. Marco López López e D. David Díaz Garrote, membros da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero en representación dos Xulgados de Viveiro, ao Vicepresidente da Xunta D. Alfonso Rueda Valenzuela para que aclare as expresións "nos vindeiros meses" e "estase traballando na sala de agarda do xulgado de Viveiro" a fin de que concrete cando comezarán as obras da sala de espera, debido a que leva transcorrido un ano e medio desde o seu anuncio sen que as vítimas atendidas nos Xulgados de Viveiro poidan agardar nun local cun mínimo de dignidade.

 

SEGUNDO: Remitir unha copia do rogo presentado por D. Marco López López e D. David Díaz Garrote, membros da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero en representación dos Xulgados de Viveiro, á Subdelegada do Goberno de España en Lugo, Dna. Isabel Rodríguez López, e á Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Dna. Susana López Abella.

 

Como se indicou a moción foi aprobada por unanimidade.

 

Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar