26
Setembro
SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
O CONCELLO DE VIVEIRO DESTINARÁ ESTE ANO 750.000 EUROS AO FINANCIAMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
Viveiro, 23 de setembro de 2022. O Concello de Viveiro destinará neste 2022 unha partida aproximada de 750.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), nas modalidades de Libre Concurrencia e Dependencia, o que supón un elevado incremento fronte aos 633.116 euros do pasado ano 2021.
En concreto, o concello prevé un investimento de 350.000 euros no SAF de libre concurrencia, dos que a Xunta de Galicia non aportará nada, e de 900.000 euros para o SAF de Dependencia, dos que o concello aporta 400.000 euros (o resto a Xunta porque é realmente unha competencia autonómica).
“Para o noso concello, os servizos sociais son unha prioridade, asumindo en moitas ocasións competencias impropias, servizos que moitas veces anuncia a Xunta de Galicia, pero somos os concellos os que asumimos o gasto”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
O grupo de goberno lamenta e denuncia as críticas do PP ao funcionamento do servizo e quere aclarar que en Viveiro non hai a día de hoxe ningún usuario co máximo grado de dependencia (grado III) na quenda de espera, xa que priorízase a súa incorporación e sempre hai horas sen adxudicar para casos de urxencia.
O incremento da aportación do concello para o exercicio 2022 dos dous sistemas de axuda no fogar con respecto ao ano 2018 ronda os 335.000 euros, fronte aos 70.000 euros da Xunta. Entre as dúas modalidades, Viveiro ofrece 80.000 horas anuais.
"A partida de servizos sociais é a máis elevada das contas municipais, porque así o queremos e porque os concellos temos que asumir cada vez máis gastos e competencias autonómicas”, engade Loureiro.
Por outra parte, a alcaldesa pedirá unha reunión coa conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, para demandar unha terceira residencia de maiores no concello, xa que se trata dunha competencia autonómica. “Isto si que é unha necesidade”, sostén.
Ademais do SAF do Concello de Viveiro, hai outros moitos convenios de colaboración vixentes, como a cesión do local para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro