15
Outubro
SOLUCIÓN URXENTE AO COLAPSO DOS XULGADOS
A ALCALDESA DE VIVEIRO SOLICITA DÚAS REUNIÓNS CO DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA E CO PRESIDENTE DO TSXG PARA ATOPAR UNHA SOLUCIÓN URXENTE AO COLAPSO DOS XULGADOS
Viveiro, 15 de outubro de 2020. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, solicitou unha reunión co director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín, e outra co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, para falar sobre o problema existente nos xulgados de Viveiro co fin de solventar esta grave situación.
Nos escritos remitidos solicitando estas xuntazas, faise referencia á “elevadísima carga de traballo que veñen sufrindo os Xulgados de Viveiro, constatada polas inspeccións realizadas, que está a afectar aos máis de 45.000 mariñáns que dependen do mesmo”.
“Trátase dunha situación que se vén prolongando no tempo e que trae graves consecuencias para os veciños e veciñas, que sofren a demora na tramitación dos distintos expedientes xudiciais”, advirte a alcaldesa.
O Concello de Viveiro, así como os traballadores e traballadoras do xulgado, levan anos demandando a creación dun terceiro xulgado neste partido xudicial, que debe considerarse como unha necesidade urxente ante este exceso de traballo acreditado polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Precisamente, tendo en conta que o problema de espazo era un dos problemas para a creación deste terceiro xulgado, o concello xa cedeu o edificio contiguo para este fin.
Na xurisdición civil, os Xulgados de Viveiro superan nun 61% os módulos aprobados polo Ministerio de Xustiza e do Consello Xeral do Poder Xudicial, tal e como consta nos seus propios informes; na xurisdiccion penal logrouse reducir a pendencia en Viveiro polo enorme sobreesforzo do persoal xudicial; e en materia civil, aínda así, está a resultar imposible tendo en conta a tendencia ascendente das demandas que entran nos xulgados nunha soa anualidade.
Neste sentido, cabe lembrar que este concello realizou as xestións oportunas para a formalización da cesión de uso gratuíto de varios locais de titularidade municipal para a ampliación dos xulgados de Viveiro e a creación dun terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución a favor da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o acordo adoptado polo Pleno da Corporación de data 4 de novembro de 2015, a proposta do grupo municipal do PSOE, presidido naquel momento polo anterior Alcalde, Melchor Roel Rivas.
Despois dunha longa tramitación, o expediente de cesión xa está concluído e a Xunta de Galicia xa dispón dos locais cedidos, que permitirían mellorar e ampliar as instalacións.
Tendo en conta a realidade na que se atopa o Xulgado de Viveiro e que a creación do terceiro xulgado é unha realidade necesaria e urxente, solicitáronse as reunións referidas para tratar esta cuestión co fin de resolver esta grave situación.
Saúdos, Comunicación do Concello de Viveiro