28
Xuño
TAREFAS DE MANTEMENTO NO SOUTO DA RETORTA
O CONCELLO DE VIVEIRO INFORMA DA REALIZACIÓN DE TAREFAS DE MANTEMENTO NO SOUTO DA RETORTA PARA GARANTIR A SEGURIDADE
Durante a actuación, será necesario un peche temporal do espazo
Viveiro, 27 de xuño de 2024. O Concello de Viveiro acolleu unha reunión entre a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Marisol Díaz; a alcaldesa, María Loureiro, e a tenenta de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Míriam Bermúdez, para falar de varios temas, entre eles unha actuación no Souto da Retorta para realizar tarefas de mantemento e garantir a seguridade.
Tanto o concello como a Xunta coinciden na necesidade de levar a cabo estas tarefas, que suporán a eliminación de exemplares enfermos non recuperables e a poda de outros, ademais do plantado de especies autóctonas.
Esta mesma semana comezarán a realizarse labores de rozadura e retiradas de ramas secas, polo que resulta convinte o peche temporal das visitas a este espazo natural, tanto para facilitar os traballos de mantemento e saneamento como para prever posibles riscos para as persoas.
Estas tarefas son necesarias porque os informes periódicos que realiza a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático veñen detectando afeccións por diversos tipos de fungos que, xunto coa idade dos exemplares -os eucaliptos non son unha especie moi lonxeva-, supoñen un elevado risco de caída de pólas de grandes dimensións e, incluso, derrubamento de árbores.
Na reunión, Míriam Bermúdez trasladoulle tamén a Marisol Díaz “a necesidade de actuar na contorna do paseo fluvial do río Landro", para o que se solicitou a súa colaboracion de cara a buscar o enfoque máis axeitado para a subvención de Rede Natura 2000.
“Existen especies invasoras que danan a contorna da ribeira do río Landro e aceleran o deterioro da pasarela do paseo”, engade Míriam Bermúdez.
A alcaldesa e a tenenta de alcaldesa agradecen “a visita e a boa colaboración e predisposición; dende o concello estamos de acordo en que as actuacións son necesarias para garantir a seguridade”.
Saúdos,
Comunicación Concello de Viveiro