05
Xullo
VALORACIÓN E AGRADECEMENTO TRAS A FINALIZACIÓN DO MERCADO RENACENTISTA
Tras a finalización da última edición do Mercado Renacentista, toca facer balance e agradecer a veciños e visitantes pola súa implicación; neste tipo de festexos, a participación veciñal é fundamental para o seu éxito e no caso do Mercado Renacentista é unha constante dende os seus inicios, converténdose nun referente do calendario estival non só en Viveiro, senón en toda a comarca.
Este ano, no que o mercado celebrou o seu décimo aniversario, unha vez máis, as rúas do casco antigo de Viveiro estiveron ateigadas de xente disfrutando das diversas actividades, percorrendo os postos instalados ou participando nas numerosas comidas e ceas que se organizaron, para as que este concello puxo a disposición de veciños e hostaleiros todo o material dispoñible.
En nome do Concello de Viveiro, quero agradecer a todos os que fixeron posible que este X Mercado Renacentista fose un éxito e, ao mesmo tempo, pedir disculpas polas molestias que este evento puidera causar.
Viveiro, na data que figura á marxe
A Alcaldesa.
María Loureiro García