Viveiro ante o  Berce

VIVEIRO ANTE O BERCE

O CONCELLO DE VIVEIRO ANUNCIA O ACENDIDO DAS LUCES DE NADAL E A INAUGURACIÓN DO BELÉN “VIVEIRO ANTE O BERCE” ESTA FIN DE SEMANA

Viveiro, 2 de decembro de 2020. O Concello de Viveiro informa de que o próximo sábado, 5 de decembro, ás 18:00, terá lugar o acendido das luces de Nadal no municipio. Ademais, continuando cos actos tradicionais destas datas, o domingo 6 de decembro, ás 10:00, abrirase ao público o belén “Viveiro ante o berce”, no atrio da Igrexa de Santa María. Por mor do contexto sanitario, este ano, o belén abrirase ao público sen facer un acto de inauguración, co obxectivo de evitar aglomeracións. 
 
O belén “Viveiro ante o berce” considérase como un dos máis importantes de Galicia, destacando pola súa beleza, a dimensión das súas pezas, a extensión do conxunto do propio belén e por estar instalado nun enclave histórico-monumental único. Coa fin de respectar as medidas sanitarias para conter a pandemia, o belén conta un protocolo COVID-19 que engloba as seguintes medidas: 
 
- A visita só pode realizarse nun sentido, estando habilitadas unha única entrada e unha única saída. 
- O uso de máscara é obrigatorio.
- Os visitantes deberán circular sempre seguindo o percorrido marcado e respectando a distancia de 3 metros con outros visitantes e/ou grupos.
- Nos accesos ao belén, o público que estea esperando deberá respectar tamén a distancia de seguridade de 3 metros.
- Está prohibido tocar calquera elemento do decorado.
- Os visitantes respectarán en todo momento as indicacións do persoal.
- Prégase que, unha vez rematada a visita, os visitantes abandonen as inmediacións do recinto para evitar aglomeracións na saída.
- Reforzouse a vixilancia no belén, sobre todo nas horas puntas. 
 
En calquera caso, dende o Concello de Viveiro recordan prestar atención ás indicacións establecidas en cada momento polas autoridades competentes, especialmente no relacionado co número máximo de persoas por grupo. 
 
Cómpre destacar que o Concello de Viveiro organiza o belén “Viveiro ante o Berce” en colaboración coa Deputación de Lugo, que financia integramente a súa montaxe, responsabilidade da Asociación Amigos do Casco Vello.
 
Dende o Concello de Viveiro, anímase á veciñanza e ós visitantes a achegarse ao municipio para gozar do ambiente de Nadal, sobre todo a partir desta fin de semana co acendido da decoración. Tamén recomendan achegarse ao belén “Viveiro ante o berce”, mais piden planificar esta visita para acudir nos momentos menos concorridos, co obxectivo de evitar aglomeracións. Por último, o Concello de Viveiro apela á responsabilidade individual para cumprir coas medidas establecidas polas autoridades sanitarias e poder gozar así das actividades propostas este Nadal a pesar do contexto sanitario. 
 
Saúdos, 
Comunicación Concello de Viveiro
 
  • Máis fotografías

  • Uso de cookies
    Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

    continuar